PANIC 2020. Os Concursos

 

O Festival de cine de terror PANIC convoca os seus concursos de curtas e fotos de terror

 

Con motivo do inicio do Festival de cine de terror Panic o próximo 17 de xaneiro, o Concello da Estrada convoca os concursos de curtametraxes e fotografía de terror Panic cun prazo de entrega de orixinais que finalizará o 31 de xaneiro.

O concurso de curtametraxes, que contará cun premio de 300,00€, esixe que os traballos teñan unha duración inferior aos 15 min de duración, unha temática baseada no terror ou no misterio e que estean realizados en lingua galega.

Pola súa banda, o concurso de fotografía conta con dúas modalidades. A primeira dirixida ao alumnado dos IES e unha segunda aberta a todo o público. Os premios destinados a ambas as dúas modalidades é de 150,00€ e pode participar cada concursante cun máximo de tres fotografías. Tamén deberán estar tematizadas no ámbito do terror e do misterio.

Todos os interesados en participar nalgún dos dous certames poderán consultar as bases dos concursos nas web www.panic.aestrada.com e www.aestrada.org que estarán dispoñibles a partir do mércores 11 de decembro.

As fotografías e curtas finalistas serán visionadas en pantalla grande durante a Gala final do festival que terá lugar o 7 de febreiro ás 23.30 h en Minicines Central, gala na que se lle entregará o premio á curta e ás fotografías gañadoras de cada modalidade.

Nos primeiros días do mes de xaneiro presentarase a programación completa da nova edición do festival.

 

A Estrada, 10 de decembro de 2019